A APC convoca o IX Concurso de Debuxo Picasso para alumnado de Primaria e ESO de Galicia

14 / 04 / 24 | Destacadas

A Asociación da Prensa da Coruña (APC) convoca o IX Concurso de Debuxo Picasso co patrocinio da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades da Xunta de Galicia e coa colaboración do IES Plurilingüe Eusebio da Guarda.

O certame, dirixido ao alumnado de 3º a 6º de Primaria e de ESO de toda Galicia, pretende estimular a creatividade do estudantado e resaltar a figura do pintor na súa etapa na cidade herculina, anos que foron especialmente relevantes no desenvolvemento do talento creativo de Picasso.

Os traballos gañadores exporanse no IES Plurilingüe Eusebio da Guarda, o instituto no que o xenial artista estudou Belas Artes e ensino secundario entre os anos 1891 e 1895.

Durante a súa estancia na Coruña, o adolescente Picasso elaborou xornais de tamaño folio nos que combinaba textos e debuxos. Bautizounos como “Azul y Blanco” e “La Coruña”. Os participantes no presente concurso teñen que emular estes xornais, pero cun contido actual.

A iniciativa está aberta á participación do alumnado dos centros públicos, concertados e privados de toda Galicia de 3º a 6º de Primaria e da ESO. A data límite para enviar os traballos á APC (rúa Durán Loriga, 10. 15003. A Coruña) remata o 31 de maio de 2024 e o xurado dará a coñecer a súa resolución no mes de xuño.

Haberá tres premios por categoría: Premio Picasso ao mellor xornal. Premio José Luis Bugallal Marchesi á mellor ilustración e Premio Olga Cristina Viaño Sánchez a mellor redacción. Ademais, distinguiranse con accésit un mínimo de 5 obras de cada unha das categorías.

Os gañadores de cada unha das tres categorías do Premio Picasso ao mellor xornal recibirán un cheque regalo de 450 euros e os tres profesores que enviaron os traballos gañadores, un lector de libro electrónico.

Pola súa banda, os gañadores dos premios José Luis Bugallal Marchesi e Olga Cristina Viaño Sánchez en cada unha das tres categorías recibirán un cheque regalo por valor de 300 euros.

Os participantes distinguidos con accésit recibirán un diploma acreditativo.

As bases do IX Concurso de Debuxo Picasso poden consultarse na web da Asociación da Prensa da Coruña

RELACIONADOS

es_ESSpanish