A APC inaugura na Fundación Luis Seoane a exposición ‘Un ano de fotoxornalismo’

16 / 12 / 23 | Recientes

A Asociación da Prensa da Coruña, en colaboración co Concello da Coruña, inaugura este venres, ás 21.00 horas, na Fundación Luis Seoane, a exposición ‘Un ano de fotoxornalismo’, na que se recollen as imaxes máis curiosas, significativas ou impactantes deste ano que está a piques de rematar.

A mostra recolle os traballos de Ángel Manso, Sandra García, Germán Barreiros, Eduardo Pérez, Cabalar, Mónica Arcay, Iago López, Javier Alborés, Andy Pérez, Jesús Sancho, Casteleiro, Torrecilla, Quintana, Patricia G. Fraga, Carlos Pardellas, Moncho Fuentes, César Quián, Manu San Martín, Pedro Puig, Miguel Miramontes, Marcos Míguez e Víctor Echave.

Nas imaxes, que poderán verse ata finais de mes no patio interior da Fundación Luis Seoane, aparecen algunhas das noticias deste 2023, como o pregón das festas de María Pita con Lionel Scaloni, a feira modernista de Sada, a manifestación para recuperar a Casa Cornide, o San Xoán coruñés ou o Morriña Fest, pero tampouco faltan clásicos coma o Depor ou diferentes retratos de personaxes como Inés Rey ou Miguel Santalices ou menos coñecidos, como Merceditas. Os políticos, e máis nun ano de eleccións, son una ‘vítima’ clásica no fotoxornalismo e nesta mostra aparece, por exemplo, unha fotografía con mensaxe de Isabel Díaz Ayuso, ademais de en camisetas ou agochados nun canutazo.

Escenas curiosas protagonizadas por Frankenstein, unha boneca okupa, unha gaivota vixía, a saia da Carolina, uns surfistas nun mar ameazante, un manequín en San Nicolás ou unha portería cunha defensa salvaxe completan a ampla oferta desta exposición.

‘Un ano de fotoxornalismo’ tenta retomar unha tradición de hai algúns anos, cando os e as fotoxornalistas coruñeses amosaban o seu traballo nunha mostra que organizaba Enrique Bebel no Casino do Atlántico e que era xa un clásico do inverno cultural coruñés. Neste sentido, recupérase tamén o deseño que o falecido Jorge Peteiro fixera para a cita, un boneco con cámara, tratando de retomar e homenaxear aquel espírito. A última daquelas exposicións tivo lugar hai oito anos, en 2015.

Os visitantes poderán votar a súa foto preferida e participar, se así o desexan, no sorteo dun lote de libros da Asociación da Prensa da Coruña, a través dos códigos QR que atoparán na sala ou nesta ligazón.

RELACIONADOS

es_ESSpanish