A APC dedica o LXXXIII Premio Pérez Lugín ao teléfono móbil e a súa importancia no xornalismo do século XXI

02 / 11 / 23 | Premios

O Premio Alejandro Pérez Lugín terá este ano como lema “Crónicas desde o móbil: O Xornalismo do século XXI” e estará dedicado á invención do teléfono móbil, que en 2023 cumpre 50 anos e que tanto ten cambiado a maneira de traballar dos xornalistas nos últimos tempos.

A Asociación da Prensa da Coruña quixo unir, como adoita ser habitual neste premio, unha efeméride que, dalgunha maneira, estea relacionada co xornalismo, co traballo que se fai a diario nas redaccións de periódicos, radios, televisións e webs. O 3 de abril de 1973, Martín Cooper, directivo de Motorola, realizou a que sería a primeira chamada desde un teléfono móbil desde unha rúa de Nova York, ao seu rival no sector da telefonía: Joel Engel, de AT&T. Neste medio século, pasamos daqueles carísimos e pesadísimos terminais aos teléfonos intelixentes que levamos hoxe no peto e que permiten escribir, captar fotos, audios e vídeos e enviar o traballo de maneira instantánea, con todo o que iso supón, coas súas luces e as súas sombras, para esta profesión.

Poderán participar no certame cantas persoas así o desexen, coa condición de que cada concursante só poderá presentar un traballo encadrado en calquera xénero xornalístico. Os traballos han ser inéditos e poderán ser escritos indistintamente en galego ou en castelán. Terán unha extensión máxima de tres folios ou 5.100 caracteres (con espazos).

O prazo de presentación de orixinais finaliza o próximo día 4 de decembro e o fallo do xurado cualificador, composto pola actual directiva da Asociación da Prensa, un representante do Concello, e o gañador do ano pasado, Xavier Lama, darase a coñecer a mediados de decembro.

Mecánica
As obras, inéditas, enviaranse en papel por correo certificado e en soporte informático (formato Word ou PDF), á Asociación da Prensa da Coruña, en sobre pechado e á dirección C/ Durán Loriga, 10-4. 15003, A Coruña. O sobre levará un pseudónimo e un lema e a indicación “Premio Pérez Lugín”.
Igualmente, dentro incorporarase outro sobre máis pequeno, co lema e o pseudónimo no exterior. Dentro deste incluiranse os datos do autor (nome e apelidos, dirección, teléfono de contacto) e un breve currículo. Tamén se poderán enviar os traballos a través dun correo electrónico creado co pseudónimo baixo o que se presenta o autor e co mesmo lema no asunto. De ningún xeito poderá identificarse a persoa que se presenta a través do correo electrónico ou o traballo quedará automaticamente eliminado.

O envío do correo electrónico non exime do envío do sobre co traballo en papel e, no interior, o sobre pechado cos datos persoais, que debe ser enviado de forma física á dirección postal da asociación.

Historial do Pérez Lugín
Este ano o Premio Pérez Lugín alcanza a súa edición número 83. En 1936, a viúva do xenial escritor da Casa da Troya creou unha fundación co nome do seu marido, dotándoa dun capital, depositado no Banco Pastor, con cuxos intereses debería concederse o premio, segundo rezaba textualmente “ao mellor traballo literario que se presente sobre un tema de Galicia enxalzando a mesma”. Pero non foi ata 1941 cando se creou o premio. Naquel ano o gañador, o primeiro da historia, foi Eduardo Pérez Hervada. Desde entón obtivérono destacados xornalistas e escritores. A listaxe inclúe a Ezequiel Pérez Montes (1963), Emilio Quesada (1964) ou Anxo Padín (1999).

Nos últimos anos, os gañadores foron Rodri Suárez (2019), Suso Martínez (2020), Javier Quintana (en 2021, aínda que tamén o gañou en 2009) e Xavier Lama (2022). A primeira muller galardoada co Pérez Lugín foi Mercedes Modroño (1989), á que sucederon Cristina Amenedo (1995), Lola Roel (1996) e María del Rosario Martínez Martínez (2007).

RELACIONADOS

es_ESSpanish