A APC entrega no Concello da Coruña o premio Pérez Lugín a Toni Silva

27 / 01 / 24 | Premios, Recientes

A presidenta da Asociación da Prensa da Coruña, Doda Vázquez, entregou este venres 26 de xaneiro o premio da LXXXIII edición do premio Pérez Lugín a Toni Silva polo seu traballo “Crónica negra a mil pulsaciones y dos pulgares”. O acto, celebrado no salón de sesións do Concello da Coruña, estivo presidido pola alcaldesa da cidade, Inés Rey.

Durante o acto de entrega, a presidenta da Asociación da Prensa da Coruña, destacou que “este premio xa é un dos máis antigos de España”, ao tempo que lembrou que nesta edición tiña o móbil como referente é sobre isto dixo: “Ten transformado profundamente a vida dos xornalistas pero se hai unha profesión que vive permanentemente no arame da dúbida e do cambio constante é precisamente a nosa, na que, cando a páxina ou a crónica esta lista e enviada, as veces hai que cambiala unha vez máis».

«Nestes tempos nos que a inmediatez choca coa verificación, a primicia co posicionamento e o traballo diario coa tiranía de
Google, aparecen novos desafíos como a intelixencia artificial. Non sei como serán os vindeiros 120 anos, pero seguro que haberá algún xornalista para que o conte”, rematou.


O gañador
Toni Silva, xornalista de La Voz de Galicia desde hai case tres décadas, destacou na súa intervención: “É un orgullo formar parta da lista de xornalistas aos que admiro, e recibir o recoñecemento dos teus compañeiros de profesión” ao que engadiu que “Agradézolle públicamente ao xurado deste premio haber seleccionado o meu artigo e ao Concello da Coruña por continuar apoiando un dos certames decanos de España”.

Silva falou do seu traballo no diario e, especialmente, na redacción de Local da Coruña, onde mencionou a algúns dos seus compañeiros, moitos deles presentes, como unha «gran familia», cunha lembranza para delegados como Laureano López, Francisco Espiñeira ou Alfonso Andrade e unha homenaxe especial para aqueles «imprescindibles» que lle fan a vida máis doada aos demais e que sempre están para axudar, como Rosa Domínguez, para a que pediu un gran aplauso que os asistentes non dubidaron en secundar.

No seu discurso, Inés Rey lembrou que a invención do teléfono móbil cambiou a forma de ver a vida e tamén de traballar. «Ninguén pode entender a nosa sociedade sen a conexión que nos facilita a tecnoloxía», explicou, destacando os beneficios do móbil como ferramenta, tamén para os xornalistas e trasladou os parabéns a toda a comunidade a través do gañador do premio.

RELACIONADOS

en_GBEnglish