A APC inaugura a mostra “120 anos de xornalismo coruñés” na que se pon en valor a labor do xornalismo na historia da cidade da Coruña

18 / 12 / 24 | Destacadas

“O xornalista nunca debe ser a noticia ou que as malas novas nunca son boas novas son dúas das leis non escritas do xornalismo, pero nesta ocasión queremos rachar con ambas e facer dos xornalistas os protagonistas e ademais por unha boa nova como é a inauguración desta exposición” así arrancou o seu discurso a presidenta da Asociación da Prensa da Coruña, Doda Vázquez. Unha mostra que como destacou ten como obxectivo poñer en valor a herdanza recibida nestes 120 anos de historia pero tamén o papel fundamental do xornalismo na vida da cidade da Coruña.

“Cando non puxeran aínda en pé dous dos piares desta cidade como son Estrella Galicia ou o Deportivo, un grupo de xornalistas xuntouse unha tarde de decembro no Circo de Artesáns da Coruña para fundar a que sería a terceira asociación de prensa de España, despois de Madrid e Aragón” explicou a presidenta salientando que “120 anos despois segue sendo parte do tecido asociativo desta cidade co propósito de apoiar, axudar e arroupar aos compañeiros e compañeiras que o precisen”.

Unha “modesta exposición” coa que a Asociación da Prensa da Coruña quere repasar a historia dos profesionais, medios de comunicación, ferramentas que se empregaban e tamén, amosar xornais da súa hemeroteca que a día de hoxe están dixitalizados, e a disposición da cidadanía, grazas á labor de César Antonio Molina, socio de honor da APC e ex Ministro de Cultura.

Unha mostra cuxo obxectivo é ser un escaparate dos nomes de xornalistas locais que enchen o noso rueiro, lembrar portadas míticas ou fitos xornalísticos locais, ou coñecer os valores que achega o xornalismo para a nosa sociedade paralelamente a outras formas de comunicación máis actuais como as redes sociais.

Unha viaxe no tempo para lembrar e poñer en valor a historia e o traballo de tantos compañeiros e compañeiras que como salientou a propia alcaldesa da Coruña, Inés Rey, no seu discurso inaugural, “ poucas urbes poden presumir dunha aliñación xornalística como a da Coruña con nomes como Wenceslao Fernández Flórez, Manuel Casás, Enrique Mariñas, Juan Naya, Curros Enríquez, Alejandro Pérez Lugín, Salvador de Madariaga, Julio Campa, Santiago Rey Fernández- Latorre entre outros. Pero tamén nomes de muller como Emilia Pardo Bazán ou María Luisa Durán Marquina, primeira muller en entrar na directiva da Asociación da Prensa.

A mostra enmárcase no calendario de actos organizados para celebrar os 120 anos da Asociación da Prensa da Coruña e poderá visitarse por libre en horario de 12 a 14 horas e de 18 a 21 horas na Sala Salvador de Madariaga (rúa Durán Loriga, 10). Tamén poderán organizarse visitas guiadas, previa reserva e para grupos, escribindo a laguiateca.escapalandia@gmail.com o llamando al teléfono: 667 469 357.

A Asociación da Prensa ten organizadas tamén unha serie de visitas guiadas abertas á cidadanía para pasear polos lugares históricos da cidade en relación coa APC e os seus principais logros.

RELACIONADOS

en_GBEnglish